Comité Integrado Prev. Incendios

Comité Integrado Prev. Incendios

xunta de galicia

Constituído o Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia para a campaña 2013

Ten coma finalidade coordinar as actuacións da Xunta e do Goberno Central en materia de prevención e loita contra os lumes

Está presidido polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o subsecretario do Ministerio do Interior, Luis Aguilera

Santiago, 4 de xuño de 2013.- O Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia para a campaña 2013 quedou formalmente constituído esta mañá en Santiago, anticipándose ao inicio da época de alto perigo de incendios forestais, un período que dá comezo o 1 de xullo e que se prolongará ata o vindeiro 30 de setembro.

O Comité Integrado, presidido polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto co subsecretario do Ministerio del Interior, Luis Aguilera, ten como finalidade coordinar as actuacións da Xunta e o Goberno Central en materia de prevención e loita contra os incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na reunión do CIPIG tamén participaron a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, así como o director xeral de Politica de Defensa, almirante Juan Francisco Martinez, o director xeral de Protección Civil e Emerxencias, Juan Díaz Cruz; e o xefe do batallón de Intervención en emerxencias BEIM de León, o tenente coronel Juan Carlos Trujillo, que asistiu en representación da UME . Así mesmo, por parte da Administración Xeral do Estado, participaron na reunión o xeneral xefe da XV Zona da Garda Civil de Galicia, José María Féliz Cadenas; e o comisario principal xefe rexional de Operacións, Mario Sánchez Santos, en representación do Xefe Superior de Policía Nacional de Galicia.

En representación do goberno galego, tamén estiveron presentes o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto; e o comisario xefe da Policía Autonómica, José Antonio Álvarez Villar.

A reunión deste Comité tivo como punto central da orde do día a exposición de medios humanos e materiais a despregar no operativo de defensa contra os incendios forestais deste ano.

Pladiga 2013
Cabe lembrar que o Plan de prevención e defensa contra los incendios forestais de Galicia (Pladiga 2013) foi aprobado polo Consello da Xunta da semana pasada. Este Plan reflicte o esforzo e compromiso do Goberno galego na loita contra a lacra dos lumes.

Como principal novidade, o Plan deste ano destaca pola aposta que se fai a prol da colaboración con outras administracións e entidades de carácter privado, co fin de incrementar a prevención e a defensa dos nosos montes.

Neste sentido, cómpre destacar a posta en marcha dos convenios de colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a elaboración dunhas ordenanzas tipo para a xestión da biomasa en solos urbanos e núcleos rurais e dun bando municipal informativo. Ambas administracións, xunto coas deputacións provinciais, van asinar un convenio para a creación e implantación dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), que realizarán traballos de prevención e extinción.

A colaboración preventiva inclúe tamén aos propios concellos, con convenios para tratamentos preventivos en vías e camiños de titularidade municipal –que xa se viñan levando a cabo en anos anteriores– e para a actuación de brigadas de prevención e defensa, que constitúen unha novidade e que se sumarán ao dispositivo do distrito forestal onde se sitúe o concello, podendo colaborar na defensa de incendios declarados noutros ámbitos territoriais de Galicia. Tamén como novidade deste ano, asinaranse convenios coas administracións locais para a elaboración de Plans municipais preventivos, co fin de definir a rede de faixas secundarias de xestión de biomasa. Contémplanse tamén convenios para o funcionamento de motobombas municipais e a súa participación no operativo de extinción de incendios forestais e unha orde de subministro e cesión de 14 motobomba aos concellos.

Por outra banda, e tal e como se adiantara o ano pasado, nesta campaña súmanse aos esforzos da Xunta entidades de carácter privado, caso da Federación Galega de Caza, a Unión de Radioaficionados Españoles e a Asociación de usuarios de vehículos Todoterreo.

Como mellora técnica do operativo tamén están en funcionamento as cámaras térmicas para a vixilancia e detección de lumes, así como a incorporación de cámara de infravermellos e ópticas en helicópteros non tripulados e globos aerostáticos, estes en fase de proba.

Medios materiais e humanos que conforman o dispositivo
O Plan deste ano presenta unha continuidade, en liñas xerais, con respecto ás últimas campañas anti-incendios, sendo tanto os medios humanos coma os materiais moi semellantes aos empregados en anos anteriores.

Para esta campaña o dispositivo estará composto por 5.708 persoas, reforzado por persoal do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, ata completar un operativo de máis de 7.000 efectivos. No tocante aos medios materiais, contarase con 32 medios aéreos, entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado; e 358 motobombas do SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais) da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, palas e outros vehículos.

Comentarios

* Requirido

Este sitio web emprega cookies para mellorar a experiencia de usuario. Ao continuar navegando dá o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies