Volta das brigadas municipais

Volta das brigadas municipais

PrazaPblica

A volta ás brigadas municipais prende as alarmas na loita contra os incendios

4f21667559f92 eutunexado

David Lombao | @davidlombao

51af707d75923 graficaincendios
Incendios forestais en Galicia 1976-2012

© Xunta
Entre 1976 e 2012 arderon en Galicia 1,6 millóns de hectáreas que equivalen ao 53% do territorio do país. Foron, segundo datos oficiais, máis de 235.000 incendios que foron xestionados primeiro directamente dende o Estado e, máis tarde, esencialmente dende os concellos e a Xunta de Galicia. Tras un dos anos máis dramáticos para o monte galego, o 2006, no que arderon máis de 95.000 hectáreas en case 7.000 incendios, o Parlamento constituíu unha comisión de estudo a respecto do problmea dos lumes forestais. Nas súas conclusións aquela comisión afondaba nas causas dos incendios e, no que atinxe a xestión, destacaba que “a falta dun mando único” supuxo “dificultades” engadidas á extinción das lapas.

Como lembraba hai escasas datas a asociación que agrupa a parte do persoal do servizo público de extinción de incendios, Apropiga, aquela comisión parlamentaria concluíu tamén que a falta dun mando único derivaba, en boa medida, da aposta histórica da Xunta polas brigadas municipais, que “obedecen en maior grao as instrucións dos alcaldes”, dando lugar a fallos de “interlocución”. Cumpría “unha maior profesionalización dos traballadores do lume cun mando único, en mans da Xunta”, sinalaba a comisión, indicando así un xeito de proceder que se foi aplicando en maior ou menor medida ata que, neste 2013, a Consellería do Medio Rural volve apostar abertamente pola fórmula das brigadas municipais.

Dende 1976 ardeu en Galicia o equivalente ao 53% do territorio do país

Segundo figura no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) para o ano 2013 o dispositivo vai estar formado, no período de maior risco, por un total de 5.708 persoas, das que 2.629, máis do 40%, van proceder de “concellos, parques comarcais e municipais”. Isto supón incrementar en máis de 1.500 persoas a achega de traballadores e traballadoras procedentes do ámbito local e, polo tanto, sen dependencia directa da Xunta. Mentres o dispositivo total incrementa en apenas 19 persoas, a variación esencial prodúcese no notabilísimo descenso de brigadistas procedentes da empresa pública Seaga.

Máis do 40% do dispositivo vai proceder de “concellos, parques comarcais e municipais”

Para facer efectivo o retorno ao modelo das brigadas municipais, que serán unhas 275, a Xunta ten que asinar convenios coas correspondentes entidades locais -as mesmas sinaturas que, en 2006, o PP da Coruña animaba os seus alcaldes a “dilatar” no tempo-. Para Apropiga, esta “volta ao pasado” non só é unha “cesión envelenada de competencias aos concellos”, toda vez que supón un gasto para o erario municipal, senón que implica “un servizo defectuoso, derivado da propia configuración e estruturación desas brigadas no dispositivo de prevención e extinción de incendios”. “Volvemos a un modelo ineficaz que xa foi probado no pasado, agravado de novo este ao contar con brigadas privadas, contratadas a través dunha consultoría con nula experiencia na creación de brigadas ata a chegada do PP na últimas lexislaturas”, explican, en referencia ás brigadas helitransportadas.

 

“Fragmentación” do dispositivo

Todo isto, alertan, dá lugar a unha “nova fragmentación” do dispositivo, “desprofesionalizándoo e precarizándoo”. Non haberá “os medios necesarios” nin “a necesaria unidade organizativa”, factores que “tan só poden elevar o risco dos profesionais que se vai ter que enfrontar aos incendios”. Para esta asociación a Administración autonómica será “absolutamente responsable” dos “riscos” nos que poida incorrer o persoal do conxunto do dispositivo.

“Como o cóctel de persoal era pouco, a Xunta engade de novo as brigadas dos concellos”, censura a CIG

A mesma volta ao pasado é a que observa tamén a CIG, sindicato para o que a Xunta “recúa aos anos 90 volvendo ofertar aos concellos a contratación de parte do dispositivo de loita contra os incendios”. O Goberno galego, di a central nacionalista, “recupera medidas de antano que resultaron ineficaces e partidistas”. “As brigadas dos concellos foron substituídas por brigadas de SEAGA e o ano pasado, por brigadas de Tragsa e Natutecnia”, lembran, para censurar que, “como o cóctel de persoal era pouco, a Xunta engade de novo brigadas dos concellos”, obviando que o sistema foi “desbotado polo escaso rigor nos criterios de contratación” a “súa desvinculación co mando único” e “a baixa profesionalización”, entre outros factores.

Os receos a respecto deste novo modelo chegaban tamén este mércores dende o PSdeG, para cuxo secretario de organización, Pablo García, a Xunta ten a intención de “pasarlles a pataca quente” dos incendios aos concellos. “Financiamento, seguridade laboral e responsabilidade civil” son algúns dos aspectos nos que os socialistas teñen serian dúbidas a respecto dos convenios co Goberno galego, máis aínda despois de que “algúns concellos xa fosen advertidos pola intervención municipal das irregularidades en que se podería incorrer no caso de asinalos nos termos en que os está a presentar” a Xunta.

O PSdeG coida que a Xunta tenta “pasarlles a pataca quente” dos incendios aos concellos

“Trasládanlle este embolado aos municipios sen un mínimo de garantías”, di a alcaldesa socialista de Muros, Caridad González, quen alerta de que, os gobernos locais están na “difícil decisión de optar pola defensa dos lumes ou das persoas”. Se a Xunta non varía a súa aposta, afirma, “teríamos problemas de cobertura dos traballadores co seguro municipal, pois actuarían fóra do concello e habería que procurar outro tipo de seguro”. Por este motivo os socialistas agardan que a reunión convocada para tratar o asunto, a semana vindeira na Fegamp, “permita cambiar os termos do convenio”.

Dende fóra do Parlamento tamén nos últimos días Compromiso por Galicia saíu ao paso da medida da Xunta. A través de Xosé Manuel Pérez Bouza CxG considera que “a recuperación do modelo das brigadas municipais é unha irresponsabilidade e un despropósito que pode ter graves consecuencias”. “O traballo de extinción de incendios é de máximo risco e dificultade”, alerta Pérez Bouza, en cuxa opinión “as brigadas deberían estar o máis profesionalizadas posible, polo qeu a contratación dunha parte do operativo a través dos concellos é irresponsable”. “A descoordinación e a ineficacia están aseguradas”, di o dirixente da formación galeguista.

Comentarios

* Requirido

Este sitio web emprega cookies para mellorar a experiencia de usuario. Ao continuar navegando dá o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies